Unha naviera quéixase do mal estado do embarcadoiro de Cangas
O mal estado dun embarcadoiro do peirao de Cangas está xerando moita inseguridade entre os usuarios, sobre todo persoas maiores e nenos pequenos. Unha das navieiras xa advertiu desta situación a Portos de Galicia ante o posible risco de accidentes entre os pasaxeiros, pero din que de momento non obtiveron resposta.
Este antigo embarque de pedra é o encargado de sementar a inseguridade en moitos dos pasaxeiros que teñen que entrar e saír do barco neste punto do peirao de Cangas. Hoxe, ademais, a néboa e a poalla fan que os pasaxeiros teman posibles esvaróns.
Este luns embarcan cara a Cíes medio cento de persoas. Cando comezan a subir o barco xorden as primeiras complicacións. Familias con cadeiras de bebés, meniños pequenos que baixan con moito tino e persoas maiores cargadas con mochilas que temen perder o equilibrio.
A inseguridade de moitos pasaxeiros obriga a tripulación deste barco a estar máis pendentes desas persoas que soben e baixan do barco. Nunca se produciu ningún accidente grave, pero si sustos que consideran evitables.
Esta situación só se repite cando os embarcadoiros flotantes, ao carón deste de pedra, están colapsados de barcos e teñen que atracar nestoutro. Esta compañía xa advertiu a Portos de Galicia desta situación, pero de momento seguen agardando unha resposta.