CRTVG

Buscar

Unha "narcolancha" é obrigada a rescatar tres gardas civís tras chocar coa patrulleira

Publicado o 04/10/2019 19:29

Unha embarcación da Garda Civil chocou hoxe cunha narcolancha durante unha persecución en Mijas (Málaga) e como consecuencia do accidente caeron ao mar tres axentes do instituto armado, que tiveron que ser rescatados. A operación saldouse finalmente coa detención dos catro ocupantes da embarcación semirríxida que era perseguida e a intervención de oitenta fardos de haxix cun peso aproximado de máis de 3.000 quilogramos que caeran ao mar, informou a Garda Civil nun comunicado.

Os feitos ocorreron cando unha embarcación do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil de Ceuta perseguía unha lancha semirríxida sospeitosa de transportar droga e ocupada por catro persoas. Durante a persecución ambas as embarcacións chocaron, polo que caeron á auga os tres gardas civís e quedou a embarcación oficial virando sen control, co consecuente risco para os axentes que estaban na auga. A tripulación do helicóptero da unidade aérea de Málaga, ao decatarse do inminente perigo para os gardas civís, requiriu por megafonía aos ocupantes da narcolancha que os apoiasen, e finalmente foron rescatados polos mesmos e resultaron todos ilesos. Os catro ocupantes da embarcación foron detidos por un delito de tráfico de drogas e recuperáronse máis de oitenta fardos de haxix que caeran ao mar, cun peso aproximado de máis de 3.000 quilos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/10/2019