Unha multinacional chinesa transforma en Monforte leite galego que logo exporta á China
En Monforte de Lemos atopamos a primeira incursión dunha multinacional chinesa no sector lácteo galego. Os conselleiros de Industria e Medio Rural visitaron este martes as instalacións de Euroserum, que dende comezos de ano está en mans duns dos principais fabricantes chineses de leite para bebés e exportan alí toda a súa produción.
Recollen leite galego e transfórmano en produtos de alimentación infantil que logo exportan á China. Esta é a actividade de Euroserum Ibérica, unha empresa pertencente a un conglomerado chinés que apostou polo leite galego para darlle un maior valor engadido ao tempo que abren novos mercados e xeran postos de traballo.
"Calquera aposta que se faga por Galicia, polo seu sector gandeiro e con investimentos que supoñan valor engadido e transformación é unha moi boa noticia. Estes días están comezando a posta en marcha dun investimento de tres millóns de euros na planta e nos vindeiros anos prevén continuar coa ampliación", sinalou José González Conselleiro do Medio Rural.
Os conselleiros do Medio Rural e Industria salientaron a relevancia da China como socio estratéxico favorecendo a internacionalización do sector lácteo galego e mellorando a súa presenza en diferentes mercados.