CRTVG

Buscar

Unha muller sen teito de Ourense busca fogar tras perder a súa nai

Publicado o 30/12/2020 14:13

Nos xardíns do Padre Feijoo, no centro de Ourense, leva pasado Carmen moitas horas da súa vida. Frecuentaba este lugar coa súa nai, falecida hai un mes, e segue vindo, agora coa súa fotografía, a derradeira foto que lle sacou a Piedad este verán, neste mesmo lugar.

"Eu nunca a quixen deixar, pola riqueza nin por nada, porque unha nai é unha nai, se a tivese hoxe", lamenta Carmen Babarro.

Carmen vaga polas rúas porque non ten un teito estable onde refuxiarse. Desafiuzáronas da primeira vivenda, hai preto de vinte anos, e en setembro tiveron que deixar novamente o fogar polo estado de ruína.

"O 24 non tiven onde ir e durmín nun portal na rúa, como naceu Deus. O día que naceu Deus, eu durmín nun portal na rúa, e o día de Nadal, tamén", conta Carmen.

Ultimamente, dorme nun cuarto que lle alugan por días, pero ela busca un fogar estable: "Quero que algún propietario non desconfíe de min e me dea un piso pagando, que eu vou pagar, co traballo que sexa".

Agradece a solidariedade da xente da rúa, e dalgún particular que lle ofreceu asesoramento, pero rexeita a tutela pública: "Agora, como veu esa pandemia, cando hai que meterse na casa, eu tamén me meto. Pero, cando non, eu quero ser libre coma outra persoa calquera. Quero ser digna e honrada, como foi miña avoa e miña nai tamén".

Aos seus 45 anos, agarda que este 2021 lle traia folgos e sorte para emprender a nova vida sen a súa nai.

 

Noticias web

30/12/2020