CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

Unha muller sen recursos solicita unha vivenda á Administración

Publicado o 19/11/2014 20:47


Unha muller de Ourense, vítima da violencia machista, e con tres fillos menores pide axuda para poder pagar o alugueiro do seu piso e non quedar na rúa. En decembro acábaselle a única axuda de 426 euros que percibe, e teme quedar sen recursos mentres se tramita a Renda de Integración Social.

"A miña situación é que en un mes dous, meses me vexo na rúa. Son unha mamá de tres nenos e son unha muller maltratada e teño tres fillos. A maior ten 15 anos, pacede depresión e ten un 38% de minusvalía, a pequena ten 12 e o pequerrechiño cinco. Vivo de aluguer e non vou poder pagar e véxome na rúa. Eu o único que pido é unha vivenda para non quedarme na rúa eu e os meus tres fillos. É o único que pido, un teito e poder pagar cos 300 euros que me van quedar", conta Josefa Pérez de 47 anos, veciña de Ourense.

Josefa sobrevive coa axuda da Renda Activa de Inserción de 426 euros, pero a partir de decembro non sabe que vai facer. Para comer e vestir os seus pequenos recibe a axuda do colexio, que tamén lle deu un traballo por horas no comedor. E a vindeira axuda que pode solicitar é a Risga, a Renda de integración social de Galicia, pero a tramitación, segundo di, é moi lenta.

"Tarda seis meses, en seis meses que lle dou eu e como pago o piso e os nenos están sufrindo moito, e iso é o que me preocupa", explica Josefa.

"O que pedimos é que lle proporcionen unha vivenda estable, en que ela pague un terzo dos ingresos que teña en cada momento, e as axudas que poda necesitar para sacar adiante a crianza dos seus fillos, que eu creo que hai recursos sobrados para iso", explica Roberto Pereira de Stop Desahucios Ourense.

Dende Vivenda din que están a estudar o caso de Fina e que poderá entrar nun sorteo de vivendas sociais en toda a provincia de Ourense.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí