CRTVG

Buscar

Unha muller queda ferida grave tras ser acoitelada pola súa exparella en Valencia

Publicado o 08/03/2021 17:24
Unha muller queda ferida grave tras ser acoitelada pola súa exparella en Valencia

Unha muller de 53 anos resultou ferida de gravidade na localidade valenciana de  Massamagrell tras ser apuñalada na rúa polo seu excompañeiro sentimental, un home de 51 anos que foi detido tras ser interceptado por varias testemuñas da agresión e que tamén resultou ferido.

Segundo explicaron fontes sanitarias, a muller está a ser atendida no Hospital Clínico de Valencia e o seu prognóstico é reservado.

Esta agresión produciuse ao redor das 8.15 horas deste luns 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e, segundo as primeiras indagacións, non constaban denuncias previas.

O alcalde de Massamagrell, Paco Gómez, informou de que a agresión produciuse na rúa  Tirant lo Blanc e detallou que os primeiros en intervir foron uns veciños, que trataron de separar a vítima e agresor.

No forcexo, as testemuñas da agresión utilizaron varios obxectos contundentes, motivo polo cal o agresor resultou ferido e foi trasladado en ambulancia ao mesmo centro sanitario que a vítima.

"Aínda así, parece que (o home) chegou a asestarlle sete puñaladas" (á súa exparella), explicou o alcalde, quen confirmou que a vítima é veciña de Massamagrell e "o agresor é o seu exmarido, un avogado que vive en Turís" (Valencia), segundo lle explicaron.

"A muller ía nese momento cun compañeiro de traballo, xa que comparten o coche para desprazarse a Valencia. Este home foi o primeiro en tratar de repeler a agresión", sinalou.

Segundo o alcalde, "a roda do coche da vítima estaba totalmente desinchada, coa válvula inutilizada, polo que é posible que o agresor a manipulase previamente".

A Policía Local fíxose cargo da custodia temporal do home, que posteriormente foi posto ao dispor da Garda Civil.

O presidente da Generalitat valenciana, Ximo Puig, expresou a súa "profunda tristeza" por este feito e condenou "a barbarie machista", que ao seu xuízo fai "necesario o Día da Muller e o feminismo".

A vicepresidenta do Consell, Mónica Oltra, condenou esta agresión, que cualificou como "a expresión máis criminal do machismo", e mostrou "a unión de toda a sociedade" coas vítimas, así como a súa "frontal oposición" a estes ataques.

Igualmente, a presidenta do Partido Popular na Comunidade Valenciana ( PPCV), Isabel  Bonig, condenou un acto violento que, ao seu xuízo, lembra que "hai que pasar das declaracións de vontade aos feitos", en referencia a accións concretas para unha "igualdade efectiva".