CRTVG

Buscar

Unha muller morta e 18 feridos no incendio dun piso en Barcelona

Publicado o 12/09/2021 20:38

O incendio produciuse preto das dez da noite do sábado, nun edificio situado nun barrio da vila barcelonesa de Olesa de Montserrat. Os bombeiros rescataron as vítimas e evacuaron o resto dos veciños. Unha muller de 71 anos morreu a consecuencia do lume. Outros dezaoito veciños quedaron feridos, tres deles seguen en estado crítico e un grave.

Os técnicos municipais din que o edificio non sufriu danos estruturais, polo que o alcalde engadiu que a maior parte dos veciños poderán volver ás súas vivendas en canto os seguros arranxen os danos nas instalacións eléctricas e limpen as zonas comúns.

"Se as compañías reaccionan rápido e ben, dixo o alcalde, en pouco tempo poderían restablecer estes servizos, que dean as condicións de habitabilidade e os veciños poidan volver ás súas casas, que é o que queren agora mesmo."

Francisco, un veciño do lugar, aínda está impresionado polo suceso. "Cando saín había un fume enorme, e entón comezaron a berrar: 'Socorro, que me tiro, que me tiro!', e a xente dicíalles: 'Non, non, agarden, que xa veñen os bombeiros!'."

Os bombeiros cataláns tratan de descubrir as causas do lume, que comezou no primeiro piso, onde vivía a muller falecida. Once dos dezaoito feridos no incendio xa recibiron a alta.