CRTVG

Buscar

Unha muller morre atropelada en Narón, nunha zona con pouca visibilidade e sen paso de peóns

Publicado o 15/07/2019 13:54

O atropelo mortal tivo lugar contra as once da mañá na avenida de castela de Narón. A muller, de avanzada idade, estaba cruzando a estrada por unha zona de pouca visibilidade non habilitada para o paso de peóns cando un turismo a levou por diante.

O condutor do turismo, José Savio Martínez, dixo que non puido facer nada por esquivar a muller, xa que saíu de entre dous vehículos que estaban aparcados.

Ata o lugar do sinistro desprazáronse varias patrullas da Policía Local, os bombeiros de Narón e unha ambulancia medicalizada, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida.

O xefe de servizo da Policía Local de Narón, Juan Carlos Yáñez, confirmou que a muller faleceu no acto. Agora están intentando identificar a muller para avisar a familia, xa que no momento do sinistro non levaba documentación.

O condutor do turismo deu negativo nas probas de alcolemia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/07/2019