CRTVG

Buscar

Unha muller morre acoitelada pola súa ex-parella en plena rúa en Segovia

Publicado o 15/08/2020 11:36

A Garda Civil de Segovia está a investigar un posible novo caso de violencia machista. Trátase dunha muller que foi supostamente asasinada pola súa ex-parella en plena rúa da localidade segoviana de La Granja. 

Os feitos teríanse producido ás nove e cuarto da mañá no casco histórico da localidade. Segundo varias testemuñas, a parella protagonizou unha discusión . Durante a mesma, o presunto agresor de 42anos, empregou unha arma branca para acoitelar varias veces á vítima, de 37. Logo intentou autolesionarse.

Os servizos sanitarios de emerxencia intentaron reanimar á muller pero tan só puideron decretar a súa morte. A vítima non presentara denuncias previas.

Segundo os datos da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, no que vai de ano, e sen contar a morte de La Granja, faleceron 27 mulleres por mor da violencia machista. Desde o 1 de xaneiro de 2003, cando se activou o cómputo de vítimas vinculado á lei aprobada contra esta secuela, houbo 1.060 asasinatos.