Unha muller foi rescatada por veciños no incendio da súa vivenda en Nigrán
Os feitos ocorreron no segundo andar deste edificio situado a carón da rotonda da Praia América, en Nigrán. Arredor das dúas da mañá, un viandante era alertado polo fume que saía do domicilio, e comezou a chamar aos pisos para dar aviso. Nun deles estaba Luciano, o caseiro da veciña afectada, que non dubidou en acudir para salvala.
"A muller queixábase dentro. Dicíame "Luciano ábreme que estou mal" e rematamos por empurrar a porta e romper a pechadura".
Unha vez dentro conseguiron rescatar a muller e deron aviso ao 112. Ao lugar desprazáronse efectivos do GES do Val Miñor. O lume tivo lugar no salón e conseguiron que non se propagara polo resto da vivenda. Respecto á súa orixe, aínda por aclarar, xa hai algunha teoría.
Jonathan R. Moraña, bombeiro do GES do Val Miñor: "Fixemos unha busca en que retiramos un can e extinguimos o incendio e ventilamos o inmoble".
"Ela fumaba algo e ao mellor quedou durmida vendo a televisión", di o caseiro.
A muller continúa hospitalizada no Álvaro Cunqueiro por mor da inhalación de fume.