Unha muller queda ferida en Ourense tras bater contra un farol
Espectacular accidente esta mañá na zona universitaria de Ourense.
Unha muller de 32 anos perdeu o control do vehículo, que invadiu a beirarrúa arrancando un sinal de tráfico. Despois, o coche impactou cunha árbore e acabou colidindo cun farol. Unha forte colisión que deixou o vehículo practicamente inservible.
A muller foi trasladada nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense con prognóstico leve. Ata o lugar achegáronse efectivos da policía local e bombeiros, que tiveron que actuar para impedir que o vehículo ardese porque, no momento da colisión, saía unha intensa fumareda que provocou a alarma dos que pasaban pola zona.
Investíganse as causas do accidente, e barállase a posibilidade dun descoido polo uso do teléfono móbil.