CRTVG

Buscar

Falece unha muller atropelada en Malpica tras cruzar nunha zona pouco iluminada

Publicado o 07/08/2019 10:23

Sucedeu preto das once e media da noite nun tramo da estrada entre Carballo e Malpica, a poucos quilómetros desta última. A vítima, acompañada do seu marido, camiñaba cara a Malpica pola marxe dereita da estrada e decidiron atravesar aquí. Un coche que circulaba en sentido Carballo levouna por diante.

Ao lugar acudiron os equipos de urxencias e, entre eles, o responsable do servizo na zona. "O persoal do GES de Ponteceso fixo todo o posible por reanimar a vítima, mesmo utilizando o desfibrilador, pero sen éxito", exolicou Alfredo Cañizo, responsable de equipos de urxencias en Malpica.

Cañizo lembra que a vítima de 78 anos de idade e emigrante, viña pasar o verán á súa vivenda en Malpica. "Viñan de dar un paseo canda o seu home e nese momento atravesaron con mala sorte de que o coche a levou por diante".

A parella estaba a camiñar de noite sen levar ningún elemento reflector. Ante isto, o xefe da Garda Civil de Tráfico fai unha chamada á responsabilidade dos peóns. "É necesario apelar á responsabilidade de cadaquén para que aquelas persoas que teñen algunha dificultade de mobilidade leven sempre o chaleco reflector cando camiñen pola estrada ou proximidades. Ademais todos os peón están obrigados a levalo cando camiñan pola noite", di Javier Molano, tenente coronel xefe da Garda Civil de Tráfico en Galicia.

Coa deste sinistro son xa 54 as persoas mortas en accidentes de tráfico en Galicia no que vai de ano. Son catro máis que no mesmo período do ano pasado. Só nos últimos seis días van catro falecidos e cinco feridos graves.