CRTVG

Buscar

Unha muller falece preto de Noia, ao precipitarse ao río Tambre dende unha altura duns quince metros

Publicado o 07/03/2021 14:54

Un dispositivo especial conformado por Protección Civil de Noia, Bombeiros de Boiro e Ribeira e GES de Brión foi mobilizado despois de que un particular avisara da caída dunha muller por un desnivel cando transitaba pola senda do Tambre, un sendeiro na parroquia noiesa de Roo. A muller paseaba con seu home e unha amiga na tardiña de onte, cando se precipitou dende unha altura duns quince metros, a carón do río, e quedou inconsciente somerxida parcialmente nunha poza.

Segundo relata Javier Lorenzo, de Protección Civil de Noia, "o home tratou de rescatala, pero non podía: unha, polo complicado da zona, e outra porque a o golpe foi tan grande que xa non tiña moitas constantes vitais".

O equipo de Protección Civil tentou reanimar a vítima, de 57 anos e veciña de Noia, e aínda que empregaron un desfibrilador non puideron evitar que falecese. O lugar do accidente, preto da central hidroeléctrica do Tambre, presenta un acceso díficil, polo que os rescatadores insisten en pedir moita precaución aos sendeiristas.

"Pídese responsabilidade nestes días de bo tempo e paseo -prega Javier Lorenzo-, porque isto pode acontecer en calquera momento. Están as zonas moi esvaradías e aconséllase á poboación que ande, por favor, con coidadiño".

A Garda Civil e a Policía Local están tratando de esclarecer se a muller esvarou nas rochas ou sufriu algunha indisposición previa que provocou a súa caída ao río.

Noticias web

07/03/2021