Dúas vítimas mortais de atropelos con condutores fugados en Vilanova e Agolada
Publicado o 18/11/2020 09:55
Dúas persoas faleceron nas últimas horas en Galicia vítimas de dous atropelos mortais, e nos dous casos os condutores fuxiron.
Un dos sinistros produciuse en Vilanova de Arousa á noitiña pasada. Foi na rúa que vai desde a igrexa da vila ata o instituto. Unha muller de 76 anos acababa de saír da misa e camiñaba na compaña doutra persoa. Un vehículo deportivo, segundo algunhas testemuñas, de cor branca, levouna por diante varios metros, e despois fuxiu. O coche ía a gran velocidade, de forma temeraria.
No concello de Agolada outro atropelo acabou coa vida dun ciclista. Neste caso parece ser que foi un camión o que levou por diante o ciclista e, igualmente, o condutor marchou sen prestar auxilio.