Unha muller emprendedora á fronte dunha adega milenaria na Pobra do Brollón
Vilachá de Salvadur é unha parroquia que xira arredor das súas adegas milenarias, as máis antigas da península ibérica. Agora son só pequenas adegas particulares, agás a de Puri. Ela criouse aquí e apostou por continuar coa tradición da zona. Herdou a adega dos seus pais e traballa unha hectárea de viñedos dos que elabora unhas 2.500 botellas ao ano.
"Nacín aquí en Vilachá e aquí están en contacto co mundo do viño e é unha tradición. Teño moita confianza neste sitio, no que significa turisticamente. É unha aldea que vexo viva e que ten moito potencial", conta Purificación Díaz Ferreiro, propietaria dunha adega en Vilachá de Salvadur.
Grazas ao seu labor emprendedor saca adiante este negocio no rural. Só demanda axuda á hora da vendima e ela mesma se encarga ata da distribución. É unha muller pioneira no sector vitivinícola, onde comezou cando tiña pouco máis de 20 anos.
"Cando empecei era unha novidade e ademais fun a presidenta dunha sociedade. Agora xa coñezo moitas adegueiras, rapazas novas que se non son as donas son as enólogas", sinala Purificación Díaz Ferreiro, propietaria dunha adega en Vilachá de Salvadur.
Os seus viños pertencen á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e aquí mesmo organiza excursións e catas para revitalizar esta zona cargada de historia e tradición.