CRTVG

Buscar

Unha muller denuncia en Vigo que a drogou e violou un home co que quedara por Internet

Publicado o 26/05/2020 15:05

A Policía Nacional recibía a alarma pouco antes das 4 da madrugada. Unha muller de 45 anos aparecía desorientada na rúa Urzáiz, en pleno centro da cidade, e afirmaba que non sabía como chegara ata alí.

Na súa declaración ante os axentes, a vítima asegurou que quedara cunha persoa á que coñeceu nunha web de contactos e que a obrigara a manter relacións sexuais tras sometela con algún tipo de substancia. A partir de aí xa non lembraba nada.

Ao lugar acudiu unha ambulancia, que trasladou a muller ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para realizarlle unha exploración e comprobar se tiña restos de substancias no seu organismo.

A Policía Nacional, que mantén as dilixencias secretas, iniciou unha investigación para aclarar os feitos. O ocorrido foi posto en coñecemento do Xulgado de Instrución número 8 de Vigo, e polo de agora non se produciu ningunha detención.

Noticias web

26/05/2020