CRTVG

Buscar

Unha muller de Pontevedra chega aos 103 anos cun estado de saúde envexable

Publicado o 08/02/2018 14:25

Unha veciña de Pontevedra acaba de celebrar o seu 103 aniversario nun estado envexable. Ela mesma leva conta da súa medicación.

Ten problemas de mobilidade pero aínda así sae todos os días da casa para reunirse cun grupo de amigas.

Asunción Solís Ricoy naceu a finais de xaneiro do ano 1915, pero ninguén lle bota os 103 anos que acaba de celebrar. O principal problema que ten é que lle falla a perna dereita e por iso agora sae a pasear en cadeira de rodas.

"Non me queixo. Teño medicación e levo conta dela. Non teño dereito a queixarme porque son consciente de como estou e dos anos que teño".

Naceu en Valga e viviu sempre no Grove, onde casou e traballou de costureira. Alí aínda lle vive outra irmá máis nova.

"Fun modista, era a miña vocación. Xa de pequena facíalles vestidos ás monecas das miñas irmás. Se por cada puntada me deran un céntimo, hoxe era tan rica como Ortega. Fíxate os millóns de puntadas que din".

Vive en Pontevedra na casa dunha filla desde que quedou viúva hai máis de vinte anos. Ten outro fillo, sete netos e catro bisnetos. E pasou a pena de enterrar a súa filla máis vella. 

"Levántome ás 8.45 máis ou menos, cando vén a rapaza que me axuda e me prepara o almorzo. Todo me gusta e aínda que non me guste moito como de todo. Prefiro o peixe e o marisco á carne pero carne tamén como".

Cando chegou a centenaria celebrou unha festa ao grande e non descarta volver festexar cando faga outro número redondo como os 105 ou os 110 anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/02/2018