CRTVG

Buscar

Xulgan unha muller da Estrada que cobrou a pensión do seu avó durante 20 anos

Publicado o 13/06/2019 14:19

Unha veciña da Estrada sentará mañá no banco dos acusados na Audiencia Provincial de Pontevedra por ocultar, supostamente, durante 20 anos o falecemento do seu avó para seguir cobrando a pensión. Nese período ingresou indebidamente 132.000 euros.

A Fiscalía esixe que sexa condenada a dous anos de cárcere e que devolva os cartos que cobrou de xeito irregular. Os expertos advirten de que é obrigatorio comunicar o pasamento dun familiar e inscribilo no Rexistro para que a Seguridade Social o dea de baixa. Tamén lembran que os bancos teñen a obriga de comprobar anualmente a supervivencia das persoas que cobran prestacións.

A vista celebrarase mañá na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Xulgarán unha muller da Estrada que lles ocultou á Seguridade Social e ao banco que o seu avó falecera e seguiu cobrando a pensión. O home finou en xaneiro de 1996 e a neta percibiu a prestación ata outubro de 2016, en total 132.000 euros. Segundo o fiscal, a acusada era a única persoa autorizada na conta do avó e nese tempo sacou cartos dela e domiciliou recibos. O fiscal pide que devolva a cantidade percibida indebidamente e unha condena de dous anos de cárcere. Os expertos advirten de que informar do pasamento dun familiar é obrigatorio.

Xosé Antón Pérez Lema, avogado, explica que todos temos a obriga de comunicar o falecemento e inscribilo no Rexistro Civil. Este dá conta á Seguridade Social e dá de baixa esa persoa. Aquí como a neta, que era a persoa autorizada non activou ese procedemento, e conseguiu obter indebidamente unhas prestacións que non lle correspondían. Presumiblemente incorreu nun delito de fraude á Seguridade Social por percepción indebida de prestacións.

Segundo o escrito da fiscalía, o banco tampouco actuou conforme á lei neste caso, porque non consta que comprobase cada ano a pervivencia do falecido, como é a súa obriga. Por iso, considérao responsable civil subsidiario polo período dun ano.

Xosé Antón Pérez Lema, avogado, asegura: "É unha cousa que moitas veces nos molesta, que nos digan: este familiar ten que traer un certificado do médico do Sergas. Vaia, están facendo o que deben. Os bancos son responsables mesmo de ata un ano se non fan este control anual da supervivencia do perceptor deste tipo de prestacións".

O xuízo está fixado para mañá, ás 10 e cuarto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019