CRTVG

Buscar

Unha muller de 90 anos, a primeira do mundo en recibir a vacina de Pfizer

Publicado o 08/12/2020 15:07

Unha muller de 90 anos foi a primeira persoa no Reino Unido e o mundo en recibir a vacina contra a covid−19 desenvolvida pola farmacéutica estadounidense Pfizer e o seu socio alemán BioNTech, máis alá daquelas que a puxeron dentro da fase do ensaio clínico.

Margaret Keenan, de 90 anos, foi filmada e fotografada mentres se lle administrou a vacina, ao redor das 6:30 GMT, no Hospital Universitario de Coventry, no centro de Inglaterra.

Os reguladores británicos deron a semana pasada luz verde a esta vacina, que a partir deste martes empezará a ser fornecida para os grupos máis vulnerables do Reino Unido.

Keenan, a quen os seus amigos e familia chaman "Maggie", recibiu a primeira das dúas doses da vacina da enfermeira May Parsons, de orixe filipina, no medio dunha grande atención mediática ao marcar o comezo do que o Goberno do Reino Unido denominou o 'V-Day' (Día V ou da vacinación).

Keenan, que cumprirá 91 anos a próxima semana e é oriúnda da localidade norirlandesa de Enniskillen, é unha antiga empregada dunha xoiería, ten unha filla, un fillo e catro netos.

"Síntome moi privilexiada por ser a primeira persoa vacinada contra a covid−19. É o mellor agasallo de aniversarios, adiantado, e significa que finalmente poderei pasar tempo coa miña familia e os meus amigos en Ano Novo despois de estar practicamente soa todo o ano", declarou Keenan aos medios.

A muller agradeceu ao Servizo Nacional de Saúde (NHS, polas súas siglas en inglés) pola forma en que a atenderon e aconsellou á xente vacinarse. "Si eu a podo recibir aos 90 anos, entón vostede tamén pode recibila", afirmou.

Despois dela, o segundo británico en vacinarse tamén chamou a atención polo nome, William Shakespeare, de 81 anos.

O director do NHS en Inglaterra, Simon Stevens, agradeceu a todas as persoas que participaron en conseguir a posta en marcha deste novo e importante programa de vacinación. "Menos dun ano despois de que se diagnosticase o primeiro caso desta nova enfermidade, o NHS está agora facilitando a primeira vacina contra a covid−19 clinicamente aprobada", engadiu.

Keenan, que viviu en Coventry durante máis de 60 anos, recibirá a segunda dose en 21 días. A enfermeira leva 24 anos traballando para o NHS e incorporouse ao Hospital Universitario de Coventry en 2003.

Uns 50 hospitais de Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte empezarán hoxe coas vacinacións a maiores de 80 anos e empregados do sector sanitario e de fogares de anciáns, aínda que os residentes en si terán que esperar a que a loxística permita o traslado ao lugar da vacina nos próximos días.

De acordo cos reguladores, a vacina será efectiva sete días despois de que unha persoa reciba a segunda dose, aínda que hai algún tipo de protección 12 días despois da primeira. O Reino Unido ten comprometidas 40 millóns de doses, que permitirán vacinar 20 millóns de persoas. 

Un estudo publicado este martes estima que a inmunidade grupal non chegará ao Reino Unido ata o segundo trimestre do ano. Tamén terá que vencer a desconfianza de quen cre que todo foi demasiado rápido.

Para un Boris Johnson, que presenciaba exultante varias das primeiras inxeccións, é abraiante ter a vacina, pero advertía contra o risco de relaxar as medidas preventivas. O primeiro ministro garante que o fármaco é seguro e pedíalles aos británicos que o puxesen polo ben do país.

Nos medios, a chegada da vacina volveu excitar o orgullo patrio. Tanto que, como cando rematou a guerra, este 8 de decembro xa é para eles outro día da vitoria.