CRTVG

Buscar

Unha moza monfortina segue hospitalizada dez días despois de sufrir unha malleira nunha pelexa

Publicado o 06/10/2021 13:53

Unha moza monfortina continúa hospitalizada dez días despois de sufrir unha brutal malleira na rúa Duquesa de Alba, onde se concentran gran parte dos pubs da vila. Os feitos rexistráronse de madrugada a última fin de semana de setembro, cando esta zona de lecer nocturno comezaba a recuperar a actividade. No transcurso dunha pelexa, a vítima da agresión recibiu na cabeza unha serie golpes que lle provocaron lesións severas na cara.

Neste sentido, os veciños da contorna levan anos denunciando o ruído, as liortas ou o incumprimento dos horarios mesmo perante o Valedor do Pobo.

"Cando os pubs abren, nótase que hai máis ambiente porque hai ruído". "Isto a verdade é que está un pouco desorbitado, o tema da xuventude. Realmente saen coma alporizados. Algo de medidas haberá que tomar", comentan os veciños.

Tal como puideron comprobar os médicos que atenderon a vítima no Hospital Comarcal de Monforte, os golpes recibidos provocáronlle diferentes fracturas no rostro e deixáronlle un ollo especialmente afectado. Por esta razón, ordenaron o seu traslado inmediato ao CHUAC, onde segue ingresada. Pola súa parte, a policía está a investigar a autoría destes feitos.

Noticias web

06/10/2021