CRTVG

Buscar

Unha moza quedou ferida nunha pelexa entre bandas latinas en Vigo

Publicado o 27/09/2021 14:02

A policía tivo que empregarse a fondo en Vigo esta fin de semana en que se multiplicaron os incidentes. Varias dotacións de policía tiveron que achegarse a esta zona de copas do Areal en que se concentraron moitos mozos malia que gran parte dos locais aínda non recuperaron a actividade polo peche do ocio nocturno. Un enfrontamento entre bandas latinas rematou cunha rapaza ingresada no hospital Cunqueiro polas feridas que recibiu no rostro. 

Para os veciños acabouse a paz que viviron nos tempos do confinamento, como recoñece unha delas: "De noite non ando por aí e non sei de moito, pero do que si souben é do ruído constante que sofre a zona de Inés Pérez de Zeta, Areal, Rosalía de Castro... pero é que as tres, as catro, cos colectores a patadas, a gritos constantemente, ouriños por todas partes... É unha cousa recorrente, coa pandemia parou un pouquiño e foi gloria bendita, pero agora...".

Outro dos puntos quentes da fin de semana foi a porta do Sol, onde uns amigos estaban rematando a noite. Eran xa as dez da mañá, estaban bébedos e a camareira do local pediulles que deixasen a terraza. Os dous homes comezaron a botar as botellas de cervexa ao chan e entre media ducia de clientes e camareiros finalmente lograron botalos do local. Malia todo, esta non é a tónica xeral.

"Non podo dicir nada, é máis, vexo que a xente en xeral se está comportando bastante ben, pero sempre hai os típicos que saen, como en todos lados...", afirma unha veciña. 

A policía tamén tivo que desaloxar unha discoteca ao comprobar que excedía a ocupación e tiveron que precintar o local.

Noticias web

27/09/2021