Unha moza de Foz pídelle matrimonio ao seu noivo na meta do seu primeiro Ironman
Os protagonistas son Lidia Lestegás, de Foz, e Borja Pernas, de Viveiro. Matrona ela, enfermeiro el, e residentes en Xirona. Tras dous aos e medio de relación e un primeiro intento del de pedirlle matrimonio a Lidia, foi ela que tomou a iniciativa e preparou todo para esta fin de semana. Lidia encargou o anel e o domingo, coa complicidade de familiares, amigos e mesmo da organización do Ironman de Platja d'Aro, en que se estreaba Borja, logrou esperalo na meta para pedirlle matrimonio.
Borja algo intuía, pero tras case 4 quilómetros de natación, 180 en bici e 42 correndo, á súa chegada á meta o que menos agardaba era que lle pedise matrimonio. Agora comeza outra carreira: a de organizar a voda. Está por decidir se en dous ou en tres anos, cando a pandemia estea superada, e en Galicia, por suposto.
Polo de agora o vídeo da pedida xa se fixo viral e Lidia aproveitou para facer unha campaña de recadación de fondos desde o seu perfil de Instagram a favor de Médicos sen Fronteiras.