CRTVG

Buscar

Unha moza de 25 anos agride cunhas tesoiras a súa nai mentres durmía

Publicado o 22/08/2019 21:29
Unha moza foi detida este xoves na Coruña por agredir cunhas tesoiras de 25 centímetros de folla na cabeza á súa nai mentres durmía.
Os feitos sucederon esta madrugada, ás 01.41 horas a Policía recibiu unha chamada para que alertaba dunha agresión. Os axentes entrevistáronse coa persoa agredida, de 48 anos, que manifestou que cando se atopaba durmindo no seu domicilio, a súa filla entrou na habitación agredíndoa con golpes na cabeza e cunhas tesoiras de 25 centímetros de folla.
A muller conseguiu zafarse como puido e saíu da súa casa para refuxiarse nun bar próximo, onde pediu axuda, relatou á Policía, e engadiu que a súa filla padecía un certo desequilibro psicolóxico.
Os policías comprobaron que o camisón que levaba a muller tiña manchas de sangue e avisouse a unha ambulancia do 061 que atendeu a esta persoa no lugar polas feridas na cabeza.
Pola súa banda, a filla da agredida manifestou que tivera unha discusión coa súa nai pola tarde e que lle quería dar un susto mentres durmía, pero que a situación se lle foi das mans.
A moza, de 25 anos de idade, foi detida e atendida por persoal sanitario quen procedeu ao seu traslado ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña para a súa valoración. A detida foi custodiada no centro sanitario e posteriormente quedou a disposición xudicial nos calabozos policiais, polo que está a expensas do que resulte da investigación policial se é denunciada por un delito de violencia no ámbito familiar con resultado de lesións ou un delito de homicidio en grao de tentativa.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí