CRTVG

Buscar

Unha monitora de autobús escolar evita un accidente tras un desmaio do condutor

Publicado o 15/01/2020 13:58

Na parcela onde acabou por parar o autobús escolar aínda se poden ver os sinais do percance. Trátase dunha zona cha, pero próxima a un tramo de curvas con desniveis, situada entre Loureiro de Arriba e Loureiro de Abaixo, no municipio de Cuntis.

Como cada día, o autobús, da compañía La Estradense, facía a ronda de recollida dos menores que viven nesta área rural, para levalos ao colexio Don Aurelio. Na primeira parada subiron dous nenos. Minutos despois o condutor sentiuse indisposto e perdeu o coñecemento.

A monitora do transporte escolar, que prefire manter o anonimato e non explicar a súa fazaña ante os medios, non dubidou. Agarrou o volante e tomou o mando do autobús, que circulaba a pouca velocidade. Conduciuno ata a parcela, na que finalmente logrou frear o vehículo.

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Garda Civil, da Policía Local de Cuntis e de Protección Civil. Pero máis alá do susto, e grazas aos rápidos reflexos da acompañante do transporte escolar, ningún dos ocupantes sufriu danos.