Unha matanza deixa unha vintena de contaxios e agrava a incidencia en Vilalba
Este lugar do Valado, na parroquia vilalbesa de San Simón da Costa semella deserto logo do gromo de coronavirus que se detectou nas últimas horas. Os vinte afectados permanecen pechados nas súas casas e, polo momento, non houbo que hospitalizar a ningún deles aínda que si a algún veciño das parroquias lindeiras. Ao parecer, a meirande parte dos contaxios producíronse durante unha matanza na que se xuntaron varias persoas á hora de xantar. Posteriormente, algúns dos contaxiados acudiron a outras comidas familiares propagando así o virus. Os veciños que evitaron a doenza amósanse contrariados e cautelosos.
"Eu xa pensaba que ía pasar esto dende que foi o primeiro confinamento."
"Non falo con ninguén e levo quince días sen sair da casa."
"Eu na corte estou sen a mascarilla pero cando ven alguén póñoa de seguida."
Este novo gromo fai aínda máis difícil a situación no concello de Vilalba, onde se detectaron 192 casos nos últimos 14 días. E eso malia que o concello leva tres meses en peche perimetral e co nivel máximo de restricións dende que comezou o ano. O Sergas xa está a facer un seguemento as persoas que participaron na matanza do Valado para rastrexar os seus contactos e atallar canto antes este novo gromo.