CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas esixen en Santiago a paralización de preto de 200 parques eólicos

Publicado o 05/06/2021 19:24

A protesta convocada por unha vintena de colectivos logrou axiña o apoio de máis dun cento de organizacións.
Esixen a paralización urxente de preto de 200 proxectos eólicos que están en tramitación nas administracións da Xunta e do Estado.

"Pretenden poñer aeroxeradores de 200 metros de altura con todas as infraestruturas asociadas, as liñas de evacuación, as pistas para subir as máquinas aos montes que van ser verdadeiras autoestradas, iso vaille afectar a hidroloxía, os nosos ríos están en perigo", di o Roi Cuba, presidente de Adega.

Hai parques previstos na Serra da Groba, na do Galiñeiro e na do Eixo. Tamén na Mariña Lucense, na Costa da Morte e na Comarca do Deza entroutos lugares. O BNG, o PSdeG e máis forzas da esquerda política piden un novo modelo para Galicia.

"O que está impulsando neste momento o Partido Popular significa a depredación do territorio e que se espolie a riqueza eléctrica que hai en Galicia, e fronte a iso esta mobilización o que reclama é un novo modelo eólico, respectuoso co medioambiente, coas persoas que viven no rural e que utilicemos a riqueza eléctrica en beneficio do país", afirma Ana Pontón, lider do BNG.

"Non pode buscarse un modelo eólico no que os custos os pagamos entre todos e os beneficios sociais os poidan levar soamente algunhas grandes empresas", di Gonzalo Caballero, Secretario xeral do PSdeG.

"Que o plan eólico se deteña para que non sexamos os que paguemos a transición enerxética doutras partes do estado",engade Antón Gómez Reino e  Xosé Manuel Beiras apunta que "É colonialismo puro espoliador"

A manifestación rematou na praza do Obradoiro coa lectura dun maniefesto.

Noticias web

05/06/2021