CRTVG

Buscar

Unha lavandaría en Santiago entretén con música e antigüidades os clientes

Publicado o 07/07/2020 14:30

No centro histórico de Santiago hai unha lavandaría onde se pode pasar o tempo lendo frases de Kafka ou Maruja Mayo, admirando antigüidades ou gozando dun patio cheo de flores. Alguén escribiu en Twitter que é a máis bonita do mundo, e pode que non se equivoque.

Ninguén diría que é unha lavandería se non fora polas máquinas e o olor a roupa pranchada. Mobles e obxectos antigos, carteis de concertos e fotos de músicos enchen este espazo que, malia estar a carón da praza do Obradoiro, en pleno centro histórico de Santiago, non sempre tivo ao descuberto todo o seu valor.

"Chamounos a atención que as paredes eran de ladrillo. Tivemos que redescubrir o local, que ten moito que ver co centro histórico de Santiago. E a decoración ten moitas cousas antigas porque quixemos tamen respectar ese espírito da cidade", explica un dos propietarios, Fernando Trebolle.

Nesta época de pandemia, o negocio está a medio gas, traballando só para hostalería, pero en tempos libres de coronavirus os principais clientes eran turistas e peregrinos. De feito, está pensada para facerlles a espera agradable e espertarlles a curiosidade.

"Ten algo de introspección, o obxectivo é que se achegen e se pregunten polos obxectos. Invita á reflexión", explica.

Os clientes poden agardar a que se lave a roupa nun patio interior cheo de obxectos procedentes de diferentes partes do mundo e carteis con frases de escritores, músicos e persoeiros ata en seis idiomas.

"O obxectivo é que se chega un alemán poida leer unha frase de Kafka en alemán, e un italiano no seu idioma. E así poden ter certa conexión co seu fogar".

Desde que unha mensaxe en Twitter dixo que era a lavandería máis bonita do mundo, moita xente vai visitala aínda que non precise lavar, e os veciños descobren que dentro quedan cousas da farmacia que ocupou o baixo durante moitos anos.

Innovación e conservación conviven nunha lavandería que se non é a máis bonita do mundo, é, cando menos, distinta.

 

Noticias web

07/07/2020