CRTVG

Buscar

A Revista

Unha investigación do CSIC sobre os fungos da vide en Galicia permitirá combatelos con máis eficacia

Publicado o 31/07/2015 13:30

Investigadores do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia acaban de rematar unha investigación sobre as tres grandes pragas da vide en Galicia. Os seus resultados poden axudar a combater o mildio e a botrite con moito menos custo en produtos fitosanitarios.

Os investigadores especializados no estudo das vides e o viño do CSIC de Pontevedra levaban moito tempo reparando en que as pragas de fungos non sempre incidían por igual en todas as zonas de produción de Galicia nin tampouco en todas as variedades. E coa axuda da Fundación Juana de Vega e de adegueiros das cinco denominacións de orixe de Galicia decidiron verificar as razóns.

"Comprobar se dentro da mera, o oídio e a botrite había distintas razas deses fungos con distintos graos de agresividade", precisa Carme Martínez.

Verificaron que si, que estes fungos que teñen unha grande incidencia en Galicia pola humidade do clima, contan con distintas razas que afectan de distinta maneira segundo as zonas e as variedades. En concreto estudaron a maneira de medir a concentración das esporas deses fungos no aire e a maneira en que afectan as cinco variedades de uva maioritarias en Galicia: albariño, mencía, godello, treixadura e dona branca.

"Isto pode permitir reducir o número de tratamentos e dalos dunha maneira máis racional e máis eficaz, reducindo o gasto", di Carme Martínez.

"E conecta tamén cunha preocupación pola saúde, porque parte deses tratamentos acabarían no viño", apunta Xosé Manuel Andrade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

31/07/2015