CRTVG

Buscar

Unha intensa investigación permitiu a detención do autor confeso da morte do xerente do bar Novo en Ourense

Publicado o 29/05/2020 13:51

A unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da comisaría de Ourense conseguiu deter este luns o autor confeso da morte do xerente do bar Novo. O home, de 38 anos e natural de Celanova, localizárono nunha rúa da cidade e despois realizaron rexistros no seu domicio no barrio do 21, a onde se acababa de trasladar.

Lorena Peláez, voceira da Policía Nacional en Ourense: "Trasládase á comisaría e realízanse posteriormente outros cinco rexistros domiciliarios, onde se intervén un teléfono móbil, tres tarxetas SIM, unha pistola de simulación cunha factura ao nome doutra persoa, 23 cartuchos de 9 milítimos e un cargador".

A investigación iniciouse o pasado 5 de febreiro, cando atoparon o corpo da vítima detrás da barra do bar cun corte no pescozo. Desde o primeiro momento relacionaron o móbil do crime co tráfico de drogas, despois de atopar na casa da vítima 105 gramos de cocaína e máis de 12.600 euros e unha morea de anotacións. Foron as intervencións telefónicas as que os levaron ata o autor confeso. E no bar había restos biolóxicos dos dous nunha botella de cristal.

Lorena Peláez, voceira da Policía Nacional en Ourense: "Foi unha botella de cristal a arma homicida. Houbo unha rifa entre eles porque non lle fiaba máis diñeiro para consumir, entón iniciaron unha discusión e produto desa discusión produciuse a morte da vítima".

A detallada investigación permitiu resolver o caso en pouco máis de tres meses.

Lorena Peláez, voceira da Policía Nacional en Ourense: "Houbo un labor intenso dos compañeiros do grupo de investigación con medios técnicos e humanos, finalizando coa existosa detención do presunto autor. O autor confesou os feitos tanto en dependencias policiais coma no xulgado e ingresou posteriormente na prisión".

Coa confesión tras a súa posta a disposición xudicial mais as contundentes probas, o xuíz que instruía o caso decretou o seu ingreso no cárcere. Está acusado de ser o presunto autor dun homicidio doloso.

Noticias web

29/05/2020