CRTVG

Buscar

Unha granxa en Ponteareas cría vermes da fariña, o primeiro insecto aprobado pola UE para o consumo humano

Publicado o 11/05/2021 14:09

Hai apenas un ano, cinco socios decidiron montar un criadeiro de insectos, e así naceu Galinsect. Nestas bandexas crían vermes da fariña que venderán sobre todo a empresas do sector gandeiro e acuícola. Estes bichos tamén serán empregados na elaboración de penso para animais domésticos. Nesta granxa desenvólvese unha nova gandería.

Rubén Recamán Guisande, o director executivo de Galinsect, explica a súa produción: "Nós criamos insectos e para a cría destes insectos, que é o 'tenebrio molitor', empregamos residuos xerados na industria agrícola. Nós aproveitamos eses residuos ou subprodutos como alimento para os nosos insectos e estes insectos á súa vez producen tamén un subproduto que é un abono orgánico de excelentes cualidades".

Aínda non comezaron a comercializar o seu produto, pero xa teñen demanda dende Portugal e Francia e esperan que o mercado se expanda, porque agora o 'tenebrio molitor' acaba de converterse no primeiro insecto que a Unión Europea aproba para o consumo humano. Este verme é valorado polo seu alto contido en proteínas e ácidos graxos. Xa era posible encontralo como ingrediente dalgúns produtos destinados a alimentación humana, pero existían certos baleiros legais. Agora Europa autoriza esta comercialización, queda por desenvolver o regulamento do seu consumo.

Noticias web

11/05/2021