CRTVG

Buscar

Unha granxa de Muxía lanzará ao mercado unha liña de iogures de leite fresco

Publicado o 28/02/2020 14:38

A pequena explotación que José Manuel Rial e a súa familia teñen no lugar de Loalo, na parroquia muxiá de Frixe, deu un xiro hai cousa de sete anos. Por unha cuestión de rendibilidade, decidiron deixar a tradicional gandería intensiva e enfocar o seu produto cara ao sector do leite fresco. Unha decisión que, nos comezos, non foi fácil de sacar adiante.

Non obstante, o tempo e o esforzo trouxeron recompensas e esta granxa familiar continúa apostando polo sector. Á falta de ultimar os trámites administrativos oportunos, nas próximas semanas, dende Granxa Moreira sacarán ao mercado unha nova liña de iogures de leite fresco que xa conta con varios colexios da zona como clientes confirmados.

E nun mercado en que pequenas explotacións como a granxa da familia Rial compiten con empresas de maior tamaño e con máis recursos, é determinante achegar valor engadido ao produto. O seu, din, está na alimentación que reciben as súas vacas.

Se ben a produción non se detén en todo o ano, os 6.000 litros de leite que as vinte cabezas de gando desta explotación producen de media ao mes, duplícanse no verán. Durante esta época, o fluxo de clientes é moito maior.

Agora toca agardar un pouco máis para poder ver estes iogures muxiáns nas nosas neveiras.

Noticias web

28/02/2020