CRTVG

Buscar

Unha granxa de Monforte paga aos clientes polos envases retornables do leite e dos iogures

Publicado o 27/02/2020 21:25

A granxa Casa da Fonte, de Monforte, non só é ecolóxica no tocante á súa produción, senón tamén na súa distribución. Dos 1.500 litros de leite que dan as súas vacas cada semana, envasan a metade, pasteurizado, en botellas de vidro. Co resto producen queixos, manteiga e uns 1.200 iogures semanais, que tamén distribúen en envases de vidro retornables.

Xosé García Freire, granxeiro: "Temos a nosa propia produción de leite ecolóxico, que transformamos aquí na granxa e levamos ata as tendas e establecementos onde mercan os nosos consumidores. Traballamos con tendas de aquí, da Terra de Lemos, da zona de Ourense, e agora estamos empezando tamén na zona de Vigo e Pontevedra. Facemos nós mesmos a propia distribución. Somos nós os que imos alí a levar os produtos e recollemos o excedente que haxa e recollemos tamén os envases retornables de volta para a granxa".

Este supermercado monfortino é un dos puntos de venda dos produtos da Casa da Fonte. Por cada recipiente de vidro que devolven os clientes, páganlles 10 céntimos por conta do produtor.

Marcos Parga, tendeiro: "Cando compran, dicímoslles que o envase é retornable. Porque é para utilizar de novo, loxicamente. Entón dámoslles 10 céntimos polo envase cada vez que nolo traia o cliente."

O prezo de venda ao público do leite fresco é de 1,15 euros, mentres que o dos iogures é de 80 céntimos. Unha vez devoltos os envases de vidro, descóntanse dez céntimos por unidade.

Noticias web

27/02/2020