CRTVG

Buscar

Unha granxa de Chantada, abocada a usar un xerador eléctrico durante un ano

Publicado o 18/05/2020 14:04

Esta explotación gandeira de Camporramiro, en Chantada, leva un ano usando un xerador eléctrico. Debido á carencia dunha conexión trifásica, élles necesario para que a nova muxidoira poida funcionar. Pero, entre o alugueiro da maquinaria e o combustible, xa gastaron máis de 50.000 euros.

Javier López Rodríguez, gandeiro: "Tiñamos luz monofásica e solicitouse trifásica. Empezouse cos trámites e pagouse o suposto enganche da luz. Permiso para aquí e para alí, para cortar a estrada, que agora ten que ir baixo terra. A luz monofásica non vale para o robot, e cando emzamos a muxir con el houbo que poñer un xerador. O 21 de maio vai facer un ano que levamos con el, gastando 80 ou 90 litros de gasóleo ao día, mais o ruído".

Un ano despois de solicitaren a conexión trifásica que precisan, na explotación seguen ter resposta por parte da compañía eléctrica. O único que saben é que en marzo comezaran as obras necesarias para a continuación quedar paradas ata o día de hoxe.

Javier López Rodríguez, gandeiro: "Estivemos esperando o permiso da Deputación para cortar a estrada e que Fenosa mandara os papeis. A Deputación pasáballe a pelota a Fenosa e esta devolvíalla á Deputación. A principios de marzo decidiron comezar a obra, e todos contentos porque por fin viña a luz. Despois resultou que non sabían aínda se ían perforar a estrada ou cortala, e parouse a obra ata o día de hoxe. Non se soubo máis nada e ninguén nos informou de nada".

Unha vez reiniciadas as obras, agardan que o problema se poidan solucionar axiña e poidan ter, por fin, a conexión eléctrica necesaria.

Noticias web

18/05/2020