CRTVG

Buscar

Unha fuga de amoníaco obriga a confinar os veciños dunha praza de Cervo

Publicado o 25/06/2020 10:54
Unha fuga de amoníaco obriga a confinar os veciños dunha praza de Cervo

Unha fuga de amoníaco rexistrada nun equipo dunha antiga carnizaría, situada na praza do Penal de Cervo (Lugo), obrigou a confinar os veciños das proximidades nos seus fogares, por precaución e para evitar riscos para a súa saúde.

A alarma saltou á última hora do mércores, sobre as 21:00 horas, cando varios dos veciños do municipio se decataron de que saía fume dun pequeno alpendre, situado á beira dun antigo establecemento comercial, ademais de advertir dun cheiro forte e estraño que invadía a zona.

Unha vez no lugar, os efectivos de Emerxencias comprobaron de que non se trataba dun incendio, senón dunha fuga de  amoníaco procedente dun vello frigorífico en desuso, situado nunha antiga  carnizaría e que se foi liberando ata provocar o forte cheiro alertado polos habitantes da zona.

Para evitar danos persoais, a Garda Civil procedeu a confinar os veciños nas súas casas para mantelos afastados e a salvo da exposición a esta substancia.

Os efectivos do GES de Cervo realizaron constantes revisións do estado do botellón de amoníaco afectado durante a noite.

Nas próximas horas, a Axencia Galega de Emerxencias, xunto co GES de Cervo e unha empresa especializada no tratamento destas substancias, retirarán o botellón de amoníaco danado do local.