CRTVG

Buscar

Xa son 4 os falecidos na explosión dun edificio no centro de Madrid

Publicado o 21/01/2021 08:09

Unha forte explosión provocou ao redor das tres da tarde o derrube de parte dun edificio na rúa Toledo de Madrid. Xa son 4 os falecido e dez as persoas feridas. A últimas das vítimas mortais un sacerdote que ingresou grave no hospital e que faleceu nas últimas horas.

A explosión afectou completamente á fachada do edificio situada na rúa de Toledo, no distrito da Latina, moi preto da Porta de Toledo e xunto á igrexa da Paloma. Segundo a web da parroquia, no edificio hai despachos, un centro de acollida de Cáritas, oito salas de reunións, un salón e tres vivendas para sacerdotes.

Polo menos catro plantas resultaron afectadas tras a explosión, que están sendo evacuadas polos Bombeiros. Unha das persoas falecidas é unha muller de 85 anos e outro un feligrés de 35 anos.

Segundo indica Emerxencias Madrid, un home de 26 anos foi trasladado ao Hospital de La Paz en estado moderado-grave cunha fractura de nocello e trauma lumbar e outro de 53 anos ao Hospital Ramón y Cajal cun traumatismo craneoencefálico leve.

O Samur-Protección Civil montou dous postos sanitarios avanzados na zona para atender varias persoas por feridas leves ou crises de ansiedade.

Segundo fontes do Arzobispado de Madrid, dous dos sacerdotes do centro parroquial están ben e un foi trasladado ao hospital. Tamén se estiveron facendo labores de busca dun home que estaba con eles no momento da explosión, que finalmente se confirmou que é un dos tres falecidos.

Debido ao suceso, foron evacuados unha residencia de anciáns anexa e un colexio próximo, sen que se reportaran feridos entre os maiores do xeriátrico nin os nenos do centro educativo.

Segundo informa Emerxencias Madrid, todo parece apuntar a que foi o gas o causante da deflagración, e así o confirmou tamén no lugar o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.

Ademais, informou tamén de que o edificio estivo ardendo pero "non é prudente intervir" porque, se se apaga o lume, podería producirse un embolsamento de gas que "podería afectar á estabilidade e estrutura" do mesmo. Finalmente os bombeiros puideron apagar as lapas e actualmente o lume está extinto.