CRTVG

Buscar

Unha fochanca en Arbo obriga a cortar o tráfico ferroviario entre Vigo e Ourense dez días

Publicado o 13/03/2018 14:41

O tráfico ferroviario entre Ourense e Vigo está interrompido por unha fochanca en Arbo. As tarefas de reparación prolongaranse durante dez días. Iria Soengas, un corte que vai afectar moitos trens.

As precipitacións que deixou a borrasca Félix provocaron unha gran fochanca nuns terreos próximos á vía do tren en Arbo o que obriga a cortar o tráfico ferroviario entre Vigo e Ourense, polo menos durante dez días. A zona danada está nun pronunciado noiro. Unha bolsa de auga debaixo da vía non soportou a presión e provocou a fochanca.

Renfe estableceu un plan alternativo para os dezaseis trens afectados polo corte. Durante, polo menos, a xornada de hoxe, os pasaxeiros con saída ou chegada dende Madrid son desviados por Santiago de Compostela. Os viaxeiros de Bilbao e Barcelona completan o percorrido por estrada. Os convois de León e Ponferrada farán transbordo entre Arbo e Filgueira onde os agarda un novo tren.

O Adif informa do estado da rede na súa páxina web e Renfe informa dos cambios a través da sección de avisos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018