Unha festa de aniversario infantil dispara os contaxios en Muros
Cando a mediados do mes de xullo, coincidindo coa volta á casa dos universitarios e a chegada dos primeiros turistas, Muros entraba no nivel máximo de restricións todo apuntaba a un verán moi duro. Nada que ver co que foi a realidade.
"Foi espectacular, ninguén agardaba tanta xente, ninguén agardaba tanto, tanto, tanto turismo pero ben de momento estamos contentos pero agora baixou a cousa, pero aí a primeira quincena de setembro e a ver como vai", apunta Javier Lago. Camareiro
E cando todos pensaban que os maiores riscos xa pasaran, un gromo nunha festa de aniversario infantil volve a sinalar a Muros no mapa da covid.
"O primeiro gromo que tivemos afectou sobre todo a xente moza que era a que estaba sen vacinar e agora o que temos afectados son nenos pequenos, algún neno pequeno", informa Inés Monteagudo, alcaldesa de Muros
"Eu sei de moita xente que sae de festa que non cumpre con todas as normas pero xa sabes como é, aquí non podes estar mirando o que fai cada un porque non es o pai de ninguén", comenta Javier
Os 25 novos positivos de Muros están concentrados en poucas familias, polo que todos agardan ter o gromo baixo control.
"Parece que se está ralentizando o ritmo de contaxios, de feito, as cifras de antes de onte a onte soamente se incrementaron nunha persoa, pero con isto nunha sabes o que vai pasar", fala a alcaldesa
Polo de pronto o sábado soben a nivel medio, igual que o veciño concello de Noia.