CRTVG

Buscar

Unha farmacia de Lugo tira do humor para dar recomendacións sobre o coronavirus

Publicado o 28/02/2020 20:31

Os viandantes non deixan de parar en diante desta farmacia de Lugo para ler as recomendacións que fan ante o que cualifican de 'coronadrama'. A tranquilidade é o principal consello que dan para lle facer fronte ao coronavirus. Ademais, aconsellan lavar con frecuencia as mans ou desbotar os panos de papel usados. É dicir, o que se debe facer sempre.

Ademais, no escaparate lembran que o coronavirus non viaxa nos paquetes e que non vale de nada esparexer por riba alcohol ou cloro. A súa autora é unha traballadora da propia farmacia, que xa ten realizado outras ilustracións para diversas campañas.

Noelia Fernández, auxiliar de farmacia e autora das ilustracións do escaparate, di que sempre tentan facelos un pouco máis "fóra do común". "Como nos vimos un pouco desbordados coa demanda de máscaras e con todas as inquietudes que había por parte dos pacientes, aproveitamos a ocasión para lanzar unha mensaxe de tranquilidade", engade.

Nesta botica da luguesa rúa do Teatro recomendan ademais gardar un metro de distancia e recordan que as persoas sas non precisan usar máscara.

Noticias web

28/02/2020