CRTVG

Buscar

Unha familia queda sen casa por un incendio en Entrimo

Publicado o 16/01/2020 19:41

Un matrimonio con dúas nenas pequenas quedou hoxe sen casa por mor dun incendio, no concello ourensán de Entrimo. O lume da cheminea prendeu nun sofá e estendeuse rapidamente ao resto da casa. A dona da vivenda saíu co posto.

Unha gran lona de plástico cobre a vivenda para evitar que a chuvia faga máis danos nunha estrutura que quedou seriamente danada polas lapas.

Amadeo Rodríguez Torres, concelleiro e Protección Civil de Entrimo: "Isto era tremendo. A primeira visión foi de susto, pensei que estaba toda a casa en chamas, todo o teito... era como mirar dentro dun forno, tremendo".

No patio da casa, amoréanse os obxectos que os bombeiros foron botando para fóra durante a extinción.

Francisco Rodríguez López, dono da casa: "Destruíuse todo, neveiras, televisións, todo... A situación económica é que non temos nada, non temos a onde ir".

Consuelo, a dona da casa, era a única que estaba dentro cando empezou o lume. Sospeita que saltou da cheminea para o sofá.

Consuelo Fariño, dona da casa: "Prendeu a cheminea no sofá. Saqueino para o corredor e incendiouse o corredor, e a cociña. Empezou o lume na cociña. Queimouse todo, neveira, as cousas das nenas, os libros... todo".

As fillas, de 9 e 14 anos, estaban na clase. Os próximos días durmirán nun hotel, mentres o Concello lles busca unha solución alternativa. Os veciños tamén se están organizando para recadar axudas para esta familia que quedou sen nada.

Noticias web

16/01/2020