CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Unha familia do Grove estivo máis de 60 anos cunha bomba na leira da casa

Publicado o 09/08/2018 14:31

Unha familia do Grove alertou a Garda Civil de que tiña unha bomba na leira da súa casa dende había 60 anos. Movérona dun lado para outro durante todo ese tempo e nunca pasou nada. Un dos fillos foi o que alertou as forzas de seguridade e os artificieiros levárona, pero antes desaloxaron toda a veciñanza.

Carmen levaba 60 anos cunha bomba na súa leira. Ela e o seu home mercaron a casa que está a carón da súa no Grove e alí apareceu. Moita importancia non lle deron porque a movían dun lado a outro e mesmo a empregaban de peso para o limoeiro. O seu fillo pensaba que se desfixeran dela ata que a volveu ver. Foi entón cando decidiu chamar a Garda Civil.

Os artificieiros acudiron ao lugar, acordoaron a zona e mesmo desaloxaron a veciñanza. A bomba tiña metralla no seu interior e pesaba uns cinco quilos. Eles nunca foron conscientes do perigo que supuña ter unha bomba na casa. Non saben cantos anos podería ter o artefacto.

Esta non é a primeira vez que aparecen artefactos explosivos no Grove. Nesta localidade arousá existiu un destacamento militar e o exército facía prácticas con frecuencia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí