CRTVG

Buscar

Unha familia de Rianxo, demandada por usurpación da casa en que viven dende 1977

Publicado o 18/01/2021 13:54

Unha familia de Rianxo foi demandada por usurpación da vivenda en que residen dende hai máis de corenta anos. Embargáranlla hai dez, e a propiedade agora é dun fondo voitre co que estaban negociando para tentar chegar a acordo. A sorpresa foi cando lles chegou unha denuncia polo penal pedindo o seu desafiuzamento.

"Demandáronos por usurpación", explica o avogado da familia, Tomás Santodomingo Harguindey. "Coma se eles mesmos ocupasen a súa vivenda, cando levan vivindo alí corenta anos, e ademais con falsidades como que cambiaran as pechaduras, que entraran alí ocupando a vivenda", engade.

Para el, a denuncia en si "era un completo despropósito". Cre que coa demanda polo penal a empresa propietaria buscaba eludir as moratorias establecidas na vía civil e poder botar a familia da casa.

O avogado explica que as moratorias están "para garantirlle á xente que antes de botala da casa ten un alugueiro social ou outro lugar para vivir". Neste caso trátase de dúas persoas maiores, unha muller nova e unha nena de dous anos, que levaban anos negociando co fondo propietario da casa para chegar a unha solución.

"Tentar coaccionalos cunha denuncia para que abandonen a súa propia casa non parece o máis razoable", di o avogado.

Finalmente, a demandante retirou a denuncia e arquivouse a causa. A familia espera retomar axiña as negociacións para ver se poden chegar a acordo e quedar coa súa vivenda en Rianxo.

Noticias web

18/01/2021