CRTVG

Buscar

Unha familia de Pontevedra leva tres meses pedindo que lles retiren un niño de velutina

Publicado o 24/10/2019 14:20

Nesta torre de alta tensión, situada a escasos metros dunha vivenda de Bora, no concello de Pontevedra, aséntase un niño de velutina. Malia que hai máis de tres meses os propietarios da casa e outros veciños do lugar avisaron para que retiraran o niño ninguén se quere facer cargo.

"Chámaos a Xunta, ao concello e o ultimo problema é Fenosa, claro ninguén quere meterse no terro de Fenosa e eles din que non teñen material para sacalo", di Florián Rodríguez, o propietario da casa.

"Puxéronse en contacto coa Xunta, veu a responsable e sacou outro niño que había noutra zona, pero dixo que este non podía sacalo se Fenosa non cortaba a luz pola torre de alta tensión. Púxose en contacto con Fenosa e Fenosa dixo que non a cortaba, que lle désemos cunha escopeta con balotes", asegura Verónica Rodríguez. 

Malia que teñen o xardín cheo de trampas, non son capaces de reducilas. A presenza do niño e das velutinas limita a súa vida diaria na casa ata o punto de que nin poden abrir as ventás.

"Non podemos ter nin ventás abertas nin portas nin nada", di Florián Rodríguez.

"É inostible e máis cando unha das persoas que vive na casa é alerxica. A que estan esperando a que morra alguén?" pregunta Verónica.

Aseguran que co paso do tempo o niño segue e a medrar e as velutinas multiplícanse. Piden que se poñan os medios para retiralo canto antes.

De momento a única solución que manexan é investir en ventás antimosquitos para impedir que as velutinas lle entren na casa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019