Unha falsa venda dun coche en Monforte acaba cos compradores mallados
Segundo caso en Lugo dunha falsa cita para a compravenda dun coche que remata cos compradores mallados e asaltados. Esta vez foi en Monforte, e as vítimas son dous homes de Huelva. Mercaran o coche a través de Internet e o pagamento ía ser en efectivo. A entrega ía ser no polígono de Reboredo, pero non houbo tal. Abordáronos catro homes, déronlles unha malleira e roubáronlles os cartos, unha cantidade que non transcendeu polo momento. En setembro houbera un caso semellante en Sarria. Daquela o botín ascendera a 18.000 euros.
Os dous homes viñeron desde Huelva ata Monforte para recoller un coche de luxo que compraran por Internet. Os supostos vendedores citáronos nun área de recreo situada á beira do río Cabe, o mesmo lugar onde os agrediron, presuntamente, con obxectos contundentes e mesmo cunha arma de fogo. Todo para facerse cos cartos que traían para pagar a suposta compra do Porsche.
Os dous homes tiveron que ser atendidos polos servizos sanitarios do Hospital de Monforte de diversas contusións e feridas que se produciron na lea, en que participarían persoas de etnia xitana que poderían estar xa identificadas.