Unha explotación excesiva do polbo en campañas pasadas, posible causa da súa escaseza
Esta tarde falamos co doutor en Bioloxía do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, Ángel Guerra, para afondar un pouco nas causas do problema. Segundo o científico, a causa principal está na excesiva explotación desta especie en campañas pasadas, sobre todo no que se refire á captura de grandes exemplares.
Considera que as causas non son ambientais porque non lle constan cambios nas condicións oceanográficas. Tampouco que houbese unha baixada de salinidade, circunstancia que o polbo non atura ben. Para o biólogo, a escaseza vén da excesiva explotación en campañas anteriores.
Considera necesario respectar o tamaño mínimo das capturas e a cantidade máxima permitida para cada barco. Tamén cumprir de xeito rigoroso coa veda que o pasado ano foi máis cativa.
"Quizais o que está pasando co polbo non é unicamente consecuencia de facer o ano pasado unha parada pequena. Tamén se debe a condicións climáticas e a condicións biolóxicas da propia especie. Este episodio xa o vivimos en anos anteriores e o único que temos que ser é respectuosos coas normas e acreditar unha pesca sostible".
Outra das propsotas científicas é acoutar determinadas zonas onde os polbos adoitan facer as súas postas.