CRTVG

Buscar

Unha explotación de ovellas de Goiriz sofre o terceiro ataque do lobo nun mes

Publicado o 12/09/2018 14:09

Tres ataques do lobo en menos dun mes, leva un gandeiro de Vilalba que asegura que está disposto a desfacerse do seu rabaño de ovellas se non se soluciona esta situación. Os lobos vense a plena luz do día e xa atacaron noutras explotacións. A batida que se organizou a mediados de agosto non funcionou.

Esta ovella parideira é a derradeira vítima dos lobos nesta explotación do lugar de Goiriz, en Vilalba. O animal quedou illado e non puido acceder ao refuxio no que pasa a noite o rabaño de xeito que foi presa fácil para as feras. Os mastíns puideron espantar os lobos pero xa era tarde e a ovella estaba morta. Co desta volta, xa van tres ataques en menos dun mes contra o rabaño. Nos anteriores mataron outras tres cabezas de gando. Así, o seu propietario pensa seriamente en desfacerse das ovellas xa que di que non lle paga a pena electrificar o peche das fincas ou construir unha corte.

En Goiriz e nas parroquias lindeiras levan tres anos padecendo continuos ataques do lobo. A mediados do pasado mes realizouse unha batida para tentar reducir a poboación dos cánidos pero non resultou eficaz porque, segundo os veciños, as instruccións que dan os técnicos de medio ambiente imposibilitan que a caza dea resultados. Os lobos xa foron avistados a plena luz do día en numerosas ocasións e de feito é nas horas centrais e moi preto das vivendas cando se producen a maioría dos ataques.

A finais do mes de xullo, os lobos mataran nove xatas de rubia galega acabadas de nacer na parroquia de Corvelle, a menos dun quilómetro desta explotación. Así, os veciños piden medidas para acabar con esta situación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2018