Unha explosión na cociña fere dúas irmás en Narón
A explosión sucedeu contra a unha media da tarde do domingo na cociña do segundo esquerda deste edificio da rúa María Pita de Narón. Dúas irmás que estaban nese momento na estancia sufriron lesións.
Todo apunta a que houbo unha acumulación de gas debido a unha fuga na conexión entre a caldeira e a cociña. As consecuencias puideron ser moito máis graves se non fora porque unha ventá próxima estaba aberta.
"Este tipo de explosións son bastante destrutivas. Teñen unhas ondas de presión importantes e debido a que se produce nun interior, o mobiliario quedou completamente esnaquizado. Neste caso a onda de presión disipou por unha das ventás próximas, que estaba aberta. En consecuencia a onda liberouse e non chegou a afectar a estrutura do edificio e só houbo os danos do material e a afectación das dúas persoas que estaban nese momento no local", di Carlos Castro, oficial xefe de intervención dos Bombeiros de Narón.
As dúas mulleres precisaron asistencia sanitaria. Na súa intervención os bombeiros cortaron de inmediato a subministración do gas, co que desapareceu o risco de novas explosións.
Sinistros deste tipo pódense previr levando un mantemento axeitado das instalacións. Neste sentido, os bombeiros lembran que eses traballos e os de revisión periódica debe realizalos persoal cualificado e habilitado para eses labores.