CRTVG

Buscar

Unha escritora pontevedresa ofrece 1.000 euros a quen lle devolva o portátil que lle roubaron en Poio

Publicado o 06/02/2020 14:29

Para Lucía Lourido, a praia, cuxo nome coincide co seu apelido, é a súa 'oficina'. Esta escritora pontevedresa aproveita os días que o tempo o permite para traballar nun lugar tan tranquilo como a praia de Lourido, en Poio. Hai uns días, mentres revisaba o borrador do seu segundo libro, decidiu coller un descanso e pasear pola beira do mar. Cando volveu a onde deixara as cousas, o seu portátil e un bolso, con dous teléfonos móbiles e unha carteira, desapareceran.

Máis que unha perda material, a autora sente que o furto supón unha perda con valor sentimental, pois nel ten almacenados proxectos aos que dedicou moitas horas de traballo. Tanto é así que ofrece mil euros de recompensa a quen lle devolva os obxectos roubados.

Tanto o seu primeiro libro, publicado hai xusto un ano, como a maior parte dos proxectos en que traballa, tratan sobre problemas de saúde mental como a depresión ou o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH). Neste último céntrase o borrador gardado no ordenador subtraído hai uns días.

A pesar do último incidente, Lucía di que este areal da ría de Pontevedra lle serve de inspiración e lle dá moita calma, polo que seguirá recorrendo a el sempre que lle sexa posible.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2020