CRTVG

Buscar

Unha enxeñeira ferrolá crea produtos artesáns cos refugallos da praia

Publicado o 05/11/2018 19:41

María ten só 27 anos, pero a pesar da súa mocidade di que aínda lembra os tempos en que as ondas só deixaban na praia cunchas e pedriñas e algún 'tesouro' perdido polos mercantes nos temporais. Agora di que cada vez atopa máis lixo e tenta frear esta deriva cunha mestura de conciencia e creatividade que plasma nos deseños de Onda Nosa.

María López Morado, creadora de Onda Nosa: "Non empecei pensando nunha idea de negocio, senón que eran cousas que eu facía porque me gustan moito as atesanías e facer cousas coas mans e aproveitaba os materiais que tiña ao meu arredor. A cousa non era só recoller o lixo que xa había na praia, senón tamén deixar de producilo, entón empecei a facer bolsiñas cos cabos que recollía para facer a compra sen plástico".

Coñece a fondo o mar desde moitos puntos de vista, porque tamén é enxeñeira naval e afeccionada ao surf, por iso un dos seus produtos estrela é unha pequena táboa para practicar unha variante deste deporte.

María López Morado: "Vin a idea de crear táboas de 'bodysurfing' e empecei a facelas con táboas que tiña na casa ou da praia. Agora o que quero é conseguir madeira de paulonia para fabricalas sen necesitar o uso de verniz, porque aínda que os hai ecolóxicos non son biodegradables".

Onda Nosa foi un dos proxectos gañadores do programa de emprendemento Gira Mujeres deste ano.

María López Morado: "Agora xa é un proxecto de negocio, si".

Co empuxón do premio, María vai potenciar a venda na Rede e procurar así que a súa onda ecosostible chegue cada vez máis lonxe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2018