As enquisas prefiguran o ascenso do voto socialista na maioría das cidades galegas
• Na enquisa de La Razón, vitoria pola mínima da dereita en Madrid
• Falla o sistema de reconto de votos nun simulacro do proceso
A campaña electoral vén hoxe acompañada por enquisas con intención de voto en clave municipal. La Voz de Galicia prefigura o triunfo do PSOE en cinco cidades galegas e a posibilidade de gobernar en seis. Outra sondaxe de La Región sitúa o PP como gañador en Ourense.
La Voz de Galicia contextualiza con este titular o panorama electoral para as municipais: "O PSOE, preto de gobernar seis das sete cidades galegas".
En Vigo, o PSOE de Abel Caballero lograría a maioría absoluta, con 20 escanos de 27 posibles, a considerable distancia das demais forzas políticas.
Na Coruña, os socialistas obterían 8 concelleiros, mentres que o PP e a Marea Atlántica empatarían na segunda posición, con 7.
En Santiago, o PSOE de Sánchez Bugallo figura en primeiro lugar, con 10 escanos. Dobraría os 5 atribuídos a Compostela Aberta e o PP ocupa a segunda posición.
En Pontevedra, o BNG, con Fernández Lores á cabeza, lograría a maioría absoluta por primeira vez, con 13 escanos, seguido do PP, con 6, e o PSOE, con 4.
En Ferrol, o PP gañaría os comicios, con 9 concelleiros, por diante do PSOE e, a considerable distancia, Ferrol en Común, con 3.
En Lugo, os socialistas sácanlle ao PP un escano de diferenza, 9 fronte a 8, e 4 obtería o BNG.
En Ourense, o PSOE ocuparía o primeiro lugar con 8 representantes, seguido de Democracia Ourensana, con 7, e 6 para o PP.
Esta enquisa contrasta con outra que publica La Región, referida á cidade das Burgas, que lle outorga o triunfo ao Partido Popular con 9 concelleiros, 6 para o PSOE e 5 a Democracia Ourensana.