CRTVG

Buscar

Unha enquisa de Sondaxe revela que Feijóo lograría maioría absoluta en Galicia

Publicado o 26/01/2020 21:22

 

A enquisa que, elaborada por Sondaxe, publica hoxe La Voz de Galicia ofrece datos sobre a intención de voto dos galegos para as próximas eleccións autonómicas, que terán lugar neste ano 2020. 

O Partido Popular, co 43 por cento dos votos, sumaría 38 escanos, 3 menos ca nesta lexislatura pero un por riba da maioría absoluta que lles permitiría ós populares seguir á fronte do goberno autonómico. Na esquerda suman 37. Un espazo político que se reordenaría.

Os socialistas volverían a ser a segunda forza política do país, cun 21% dos apoios e 18 parlamentarios. O BNG, tamén á alza, medraría ata os 11 deputados, 5 máis que nesta lexislatura.

Quen cae é o espazo rupturista. A coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova non chegaría ó 12% dos votos. Quedaría en 8 deputados, 6 menos dos que obtivera no seu día En Marea.

O partido de Villares, agora por separado dos seus antigos socios, non pasaría do 2,3 por cento dos apoios e non obtería representación no Hórreo.

Tamén quedan moi lonxe de entrar no Parlamento Ciudadanos (2,2 por cento de votos) e Vox, que apenas logra conservar 1 de cada 10 votantes que apoiaron a esta formación nas últimas eleccións xerais. Ningunha destas dúas forzas conseguiría escano no Parlameto de Galicia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí